Sunday 12 de May de 2024

Coruña Smart City presenta a primeira páxina web para seguir en directo o percorrido da Cabalgata de Reis


O portal contará cun espazo para que os coruñeses compartan os seus ‘selfies’ durante a Cabalgata, que despois pasarán a formar parte dun concurso

O tenente de alcalde de Medio, Infraestruturas e Territorio, Martín Fernández Prado, e o tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentaron a primeira web smart para seguir en directo o percorrido da Cabalgata de Reis, que terá lugar o próximo 5 de xaneiro, a partir das 18.00 horas. A Cabalgata sairá este ano, por primeira vez, dende a avenida de Salvador de Madariaga e a rúa de Alcalde Pérez Ardá, para realizar un percorrido de aproximadamente tres horas por Santiago Rei Fernández Latorre, Catro Camiños, custa da Palloza, avenida de Primo de Rivera, Liñares Rivas, Sánchez Bregua, Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida de La Marina e Montoto, rotonda Puerta Real, rúa de María Barbeito e a praza de María Pita.
O portal, que se enmarca dentro do proxecto de cidade intelixenteCoruña Smart City, ten como obxectivo permitir que todos os nenos e os seus pais saiban, a través dos seus teléfonos móbiles, en que lugar da cidade se encontran os seus Maxestades de Oriente en todo momento, e achegar a tecnoloxía Smart aos cidadáns. Baixo o lema Cabalgata Smart, máis máxica aínda, a páxinawww.cabalgatasmartcoruna.es permitirá facer un seguimento do percorrido das carrozas en tempo real, tanto dende os smartphones coma dende o ordenador, dende a chegada das súas Maxestades ao campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, ás 17.30 horas, ata a súa chegada a María Pita.
Así, a través dun mapa da cidade, no que aparecerá marcado o percorrido do desfile de Reis Magos, os usuarios poderán ver como avanza a cabalgata e en que rúa se encontran Melchor, Gaspar eBaltasar. “Queremos poñer Coruña Smart City ao servizo dos cidadáns e que mellor forma de facelo que no día máis especial do ano para os miles de nenos coruñeses”, destacou Martín Fernández Prado.
Outra das funcións da páxina web será a posibilidade de subir fotos durante o percorrido. O Concello anima a que todos os coruñeses compartan na web Cabalgata Smart os selfies que se fagan durante o desfile ou as fotografías que realicen das carrozas. As imaxes que se suban ao portal estarán dispoñibles nunha galería de fotos. Os tres Reis Magos exercerán de xurado ao finalizar o percorrido e elixirán as tres mellores fotos da Cabalgata que se recibisen, co fin de premiar a aquelas imaxes máis orixinais. Os nomes dos gañadores colgaranse na web esa mesma noite e os seleccionados dispoñerán dun prazo dunha semana para recoller os seus premios nas oficinas de Emalcsa.
O portal estará dispoñible dende o 1 de xaneiro, cun marcador no que se irán descontando os días e as horas que quedan para que comece a cabalgata. Tamén ofrecerá posibilidade de que os nenos envíen as súas mensaxes aos Reis Magos a través de Twitter, cohashtag #CabalgataSmartCoruña. Será o mesmo día 5 cando se active o mapa e aparezan as rúas virtuais da cidade cos tres Reis Magos.
A acción enmárcase dentro das actividades de promoción deCoruña Smart City. Trátase de achegar o proxecto de cidade intelixente aos coruñeses e de facelo a través de aplicacións que garden relación co seu día a día, ou con momentos especiais do ano, como é o caso da Cabalgata de Reis.
Martín Fernández Prado invitou a todos os coruñeses a que proben esta ferramenta e gocen, tamén, do percorrido “virtual” dos Reis Magos. A web sumarase ao resto de actividades que programou a Concellaría de Cultura para o acto máis importante do nadal coruñés. Este ano a Cabalgata contará con máis de 1.000 figurantes e estará ambientada nos contos infantís e os seus personaxes. Contará con 13 carrozas, 8 trenecillos e 6 compañías de animación. Ademais, repartiranse 8.000 quilos de caramelos.
O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña eEmalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, coñecida como o cerebro da cidade.
Os 10 pilotos que se encontran en fase de execución son: o piloto de párking intelixente, eventos multicanles, sistema de calidade de augas e alerta temperá, telexestión de contadores, telexestión de redes de abastecemento, eficiencia enerxética en edificios municipais, rego intelixente, sistema de visitas guiadas, administración electrónica, sistema de calidade de aire e ruído, mellora enerxética na ETAP da Telva e do optimización do tráfico. Os 14 proxectos piloto completaranse coa adxudicación dos pilotos o de interacción cidadá e o proxecto BIO.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa.